Imos cazar un oso, un oso grande e fabuloso.
	Oh, que fantástico día! Ninguén lle ten medo ao oso!
	Oh-ooh! Herba! Herba alta e mesta.
	Por riba non podemos pasar. Por baixo non podemos pasar.
	Oh! Non! Terémola que atravesar!
	Un pai e os seus catro fillos inician unha aventura que os levará
	a ir atravesando un campo de herba, un río, un bosque...
	ata que finalmente chegan a unha cova na que aparece un oso
	que os fai fuxir desandando a toda présa o camiño de volta á casa.
	A partir dunha canción tradicional, Michael Rosen elabora un texto
	sinxelo cunha estrutura rimada e repetitiva que, no clímax
	do relato, invirte a orde de todas as accións. É un álbum ideal
	para primeiros lectores. Ao intercalar onomatopeas que describen
	os movementos da familia, resulta un conto moi dinámico.
	Ademais, recrea un ambiente sonoro propicio para ser contado
	e para involucrar o público infantil na narración.